Informe de inserción laboral 1990-2015
Estudo sobre a situación profesional das persoas tituladas da Universidade de Vigo (1990-2015)

Este estudo, realizado polo Observatorio de Egresados coa colaboración do Consello Social da Universidade de Vigo, é a continuación dun anterior traballo, titulado 71.487 persoas tituladas da Universidade de Vigo (1990-2015). Evolución da oferta académica que presenta o ADN dos egresados/as no momento de concluír os seus estudos.

Coa realización deste informe, a UVigo convértese na primeira do sistema universitario español en elaborar un estudo sobre a inserción laboral das persoas tituladas ao longo dos primeiros 25 anos da súa existencia.

 

Resultados globais

Un total de 10 748 persoas tituladas responderon a enquisa formulada polo Observatorio de Egresados da Universidade de Vigo, cunha maioría de mulleres (58 %) contra o 42 % de homes.

As titulacións con máis persoas tituladas son Maxisterio cun 8 %, seguida por Enxeñaría Técnica Industrial cun 7 %, Enxeñaría Industrial cun 6 % e ADE cun 5,9 %.

 

Ámbitos académicos

Por ámbitos académicos, destaca o xurídico-social cun 45 %, seguido polo tecnolóxico cun 29 % e artes e humanidades cun 11 %.

O ámbito xurídico-social presenta unha evolución decrecente ao longo do período avaliado (pasou do 58 % ao 38 %), así como unha subida do tecnolóxico do 18 % ao 32 %.

Evolución quinquenal por ámbitos de coñecemento (%)

 

Tipoloxía de estudos

A metade das persoas tituladas realizaron titulacións de ciclo longo (48 %), contra o 34 % de ciclo curto, aínda que coa entrada en vigor da Reforma de Boloña constatouse unha diminución das titulacións de ciclo longo.

Distribución da mostra por tipoloxía de estudos

 

Formación complementaria

O 22 % de tituladas e titulados completaron outra titulación adicional, o 45 % posúe un mestrado e o 5 %, un doutoramento.

 

Taxa de ocupación

Traballa o 84 % das persoas inquiridas (o 88 %  son homes contra o 80 % de mulleres). A maior taxa rexístrase nas enxeñarías superiores (93 %) e enxeñarías técnicas (89 %).

Ao longo do período avaliado, a taxa de ocupación experimenta unha tendencia decrecente: arredor do 93 % entre os titulados/as na década de 1990 ata un mínimo do 73 % no último quinquenio.

Evolución quinquenal da taxa de ocupación

 

Situación laboral

O 74 % traballa por conta allea e o 9 % por conta propia, mentres que o 12 % está desempregado na procura dun emprego e o 3 % continúa os seus estudos.

Actividade das persoas tituladas

 

Por xéneros, destaca a maior proporción de mulleres desempregadas e que aínda continúan os seus estudos.

Actividade das persoas tituladas por xéneros

 

Lugar de traballo

Galicia é o lugar de traballo do 76 % das persoas tituladas que responderon a enquisa entre os anos 1990 e 2015. Fóra de Galicia, desenvolven a súa actividade profesional un 23 %, un 13 % noutras comunidades autónomas e un 10 % en máis de 70 países, con especial presenza en Reino Unido (21 %), Alemaña (14 %) e Portugal (9 %).

Lugar de traballo fóra de Galicia dos titulados/as da UVigo

Ao longo o período avaliado prodúcese un descenso constante da proporción de persoas tituladas pola Universidade de Vigo que traballan en Galicia: a porcentaxe pasou do 87 % no período 1990-1995 ao 71 % no 2011-2015, mentres que a proporción de persoas que traballan no estranxeiro pasou dun 4 % entre 1990-1995 ao 16 % no 2011-15.

Evolución quinquenal do lugar de traballo (%)

 

Rama de actividade

O 66 % traballa en empresas do ámbito privado, o 29 % en entidades ou institucións do ámbito público e o 6 % en entidades non lucrativas (fundacións, asociacións, ONG…).

 

Modalidade de contratación e tipo de contrato

O 88 % traballa por conta allea e o 12 % por conta propia. O 60 % dispuña de contrato indefinido e o 22 % de contratos temporais.

 

Categoría profesional

A maioría (63 %) asegura desempeñar cargos de responsabilidades de técnicas e técnicos cualificados, un 20 % son mandos intermedios e un 11 % directivas e directivos.

Categoría profesional das persoas tituladas

 

A proporción de homes directivos (14 %) é superior á de mulleres (9 %), ben como a de mandos intermedios (24 % contra 17 %). A proporción de mulleres que realizan empregos non cualificados duplica á dos homes.

Categoría profesional por xéneros

 

Tamaño das empresas

A maioría (52 %) exerce a súa actividade en empresas de máis de 250 empregadas e empregados.

Tamaño das empresas

 

Relación do emprego actual cos estudos realizados

Das persoas que participaron no estudo, o 75 % afirma que o seu traballo está relacionado coas titulacións cursadas na UVigo.

 

Sobrecualificación

A sobrecualificación afecta ao 22 % das persoas tituladas que responderon a enquisa (% de persoas que desenvolve un traballo con esixencias inferiores aos estudos realizados).