Informe de inserción laboral 2006-2007
Estudo sobre a experiencia académica e profesional das persoas tituladas da Universidade de Vigo. Promocións de 2006 e 2007

Este informe, publicado no ano 2013, foi elaborado ao abeiro do plan estratéxico da Área de Emprego en colaboración coa Vicerreitoría de Alumnado, Docencia e Calidade e o Consello Social.

O estudo analiza a inserción laboral das 1158 persoas tituladas inquiridas que remataron os seus estudos na UVigo nos anos 2006 e 2007, isto é, logo de transcorrer o tempo suficiente para que a persoa titulada se insira no mundo laboral, en calquera dos seus ámbitos, e poida proporcionar as súas vivencias profesionais.

 

Resultados globais

A maioría de persoas inquiridas son mulleres (65 %) e superan a porcentaxe de homes en todos os ámbitos académicos, salvo no tecnolóxico (65 % de homes).

O tempo medio de realización dos estudos é de 5,38 anos (6,07 de homes contra 4,98 de mulleres). Oscila desde os 3,17 anos de Ciencias da Saúde ata o 6,78 anos das enxeñarías.

Case o 73 % fixo ao rematar algún tipo de formación complementaria, a maioría de especialización (63 %), de idiomas (55 %) ou de informática (48 %), sempre cun obxectivo claro: prepararse para outros traballos ou mellorar a empregabilidade (47 %), promocionar (21 %) ou ampliar coñecementos (19 %).

Máis da metade (56 %) dos titulados/as realizou prácticas en empresas e 17 % participou en programas de mobilidade internacional. En canto á lingua estranxeira, o 32,2 % recibiu docencia nalgunha materia e amosan competencias en inglés (94 %), francés (22 %) e alemán (13 %).

 

Ámbitos académicos

Predomina o ámbito xurídico-social (43 %), seguido do tecnolóxico (29 %), artes e humanidades (11 %), científico (10 %) e de ciencias da saúde (8 %).

 

Tempo de procura do primeiro emprego

O 59 % das persoas tituladas encontraron traballo en menos de tres meses. O cómputo xeral deixa no 84 % a porcentaxe de titulados/as da UVigo o seu primeiro emprego en menos dun ano.

 

Taxa de ocupación

O 76 % das persoas tituladas traballaba (71 % por conta allea e o 5 % por conta propia). O 20 % das persoas inquiridas estaba desempregada na procura de emprego.

Situación laboral das persoas tituladas

Entre as titulacións con máis saída laboral estaban Fisioterapia, Enxeñaría de Telecomunicación e Enxeñaría Informática, todas elas cun 100 % de inserción laboral, seguidos de Filoloxía Inglesa (97 %), Comunicación Audiovisual (92 %) e Ciencias da Actividade Física e do Deporte (90 %).

Os niveis máis baixos de ocupación prodúcense nas licenciaturas en Historia (33 %) e Filoloxía Hispánica (50 %), así como en Enxeñería Técnica Forestal (47 %).

Case o 70 % dos titulados/as mudou de traballo dende a finalización dos seus estudos, contra un 23 % que aínda traballa no mesmo emprego.

 

Motivos do desemprego

O principal atranco para atopar emprego é o ciclo da economía (cunha puntuación de 4,3 sobre 5), seguido da falta de contactos persoais (3,82), da pouca experiencia profesional previa (3,68) ou as poucas prácticas realizadas en empresas ao longo da carreira (3,41).

 

Lugar de traballo

Traballan fóra de Galicia o 5,9 % das persoas inquiridas (o 72,5 % noutros territorios do Estado e o 27,5 % no estranxeiro).

 

Rama de actividade

O 66 % traballa en empresas de ámbito privado, o 29 % en entidades ou institucións de ámbito público e o 6 % en entidades non lucrativas (Fundacións, Asociacións, ONG…).

 

Modalidade de contratación e tipo de contrato

Máis da metade (52 %) ten na actualidade un contrato indefinido, seguido por unha modalidade eventual (39 %). No primeiro emprego predominan os contratos eventuais (79 %) contra o indefinido (16 %).

 

Categoría profesional

A proporción de técnicos superiores evoluciona do 33 % no primeiro emprego ao 37 % na actualidade, así como a porcentaxe de directivos (do 1 % ao 4 %) e de mandos intermedios (do 3 % ao 6 %).

 

Relación do emprego actual cos estudos realizados

No 76 % de casos existe relación entre o emprego actual e os estudos realizados.

Relación do emprego actual cos estudos realizados

 

Sobrecualificación

A proporción de persoas tituladas que desenvolven un traballo con demandas inferiores aos estudos cursados é do 29 %.

Relación do emprego actual co nivel académico adquirido na UVigo