Enquisa sobre o impacto laboral da segunda onda da pandemia de Covid-19 nos antigos estudantes da UVigo

Unha vez dados a coñecer os resultados da primeira enquisa coa presentación do Estudo sobre o impacto laboral da primeira onda da pandemia de Covid-19 nas persoas tituladas da UVigo, no Observatorio de Persoas Tituladas queremos saber agora como evolucionou o impacto da actual crise durante a segunda onda da pandemia nos seus ámbitos sanitario, socio-laboral e no modo de traballo.

A segunda onda da pandemia decorreu entre o 1 de setembro e o 31 de decembro de 2020, período no que queremos coñecer, como no Informe recén publicado, cal foi a evolución das taxas de ocupación e de desemprego nas persoas tituladas da UVigo de calquera titulación e promoción e independentemente do lugar onde vivan ou traballen. Por iso, solicitamos a colaboración da comunidade de antigos estudantes da UVigo a fin de que nos dean ese feedfack necesario.

Nesta ocasión, alén diso, a enquisa aborda de maneira especial os seguintes aspectos:

  • Teletraballo: Queremos saber se esta modalidade de traballo, unha das máis efectivas para evitar os contaxios no ambiente laboral, é aplicable a todos os postos de traballo, a súa potencialidade, cales son as súas vantaxes e inconvenientes, ben como se todos os fogares están adecuadamente adaptados para ser implementado.
  • ERTES: Cal é a súa extensión temporal e o nivel de alcance das incidencias (atrasos no cobro, tramitación, cálculo das prestacións…)
  • Carga de traballo: Como se viu afectada a carga de traballo das persoas tituladas por causa da pandemia (segue igual, aumentou ou diminuíu).

Desde o Observatorio consideramos importante aclarar que a enquisa non solicita o nome da empresa/organización en que as persoas tituladas inquiridas traballan. Os datos persoais facilitados no consentimento serán tratados baixo a responsabilidade da UVigo para a xestión das finalidades do Observatorio. Ademais, para a análise e tratamento dos datos, as respostas recollidas no formulario non serán asociadas cos únicos datos persoais solicitados (nome, apelidos e enderezo de correo electrónico).

Contamos coa túa participación!!