Enquisa de impacto da COVID-19 sobre a inserción laboral

Desde o inicio da actual crise por COVID-19 no Observatorio de Persoas Tituladas mostrou un especial interese pola situación do antigo alumnado da UVigo. Así sendo, na altura en que o coronavirus foi declarado pandemia pola OMS e mesmo antes da declaración da emerxencia sanitaria en Galicia ou do estado de alarma en España, ao abeiro da iniciativa do Corpo Diplomático, contactamos con todos os titulados/as que viven polo mundo adiante, recollendo a súa experiencia persoal e profesional de 59 persoas en 27 países dos 5 continentes.

A partir de hoxe lanzamos unha enquisa co obxecto de coñecer o impacto da actual crise por COVID-19 sobre a inserción laboral das persoas tituladas da UVigo de calquera titulación e promoción. Para iso, solicitamos a colaboración da comunidade de antigos estudantes da UVigo a fin de que nos dean ese feedfack sobre como a situación creada polo virus está a afectar no traballo de cada un/ha, en aspectos como a implantación do teletraballo ou traballo remoto, as medidas tomadas polas empresas/organizacións en relación aos contratos, ben como a súas percepcións sobre o impacto na economía.

Desde o Observatorio consideramos importante aclarar que a enquisa non solicita o nome da empresa/organización en que as persoas tituladas inquiridas traballan. Os datos persoais facilitados no consentimento serán tratados baixo a responsabilidade da UVigo para a xestión das finalidades do Observatorio. Ademais, para a análise e tratamento dos datos, as respostas recollidas no formulario non serán asociadas cos únicos datos persoais solicitados (nome, apelidos e enderezo de correo electrónico).